domingo, 4 de octubre de 2015

Onte 1458: Sete traducións ao inglés

20150930_150221

No Día Internacioal da Tradución recibimos un agasallo inesperado, unha caixa de libros de Small Sations con exemplares das súas sete traducións máis recentes de literatura galega: One Million Cows de Manuel Rivas, Vicious de Xurxo Borrazás, Soundcheck de Miguel Anxo Murado, Polaroidde Suso de Toro, Winter letters de Agustín Fernández Paz, I love you Leo A. de Rosa Aneiros eDragal II. The Dragon’s Metamorphosis de Elena Gallego. Unha saída histórica en inglés para a nosa literatura contemporánea, á que non son alleos nin os esforzos do editor e tradutor Jonathan Dunne que abriu dúas coleccións específicas, Galician Wave e Fiction, como as importantes axudas achegadas pola Consellaría de Cultura para estas traducións. Esta oferta de Small Stations constitúe unha gran oportunidade para a visibilización da nosa narrativa actual tanto nos mercados internacionais de editores como no dificilísimo mercado interior do Reino Unido. Unha excelente noticia que celebramos no Día da Tradución.

Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia

jueves, 12 de febrero de 2015





Precisamos a lingua se queremos vencer. O galego é a vida, a fala da xente; se ti non o gozas, non es moi consciente! O galego é a verdade, a nosa verdade; non sexas preguiceiro e faino realidade! O galego é a esencia, a fonte, a ledicia; mergúllate nela, de noite e de día! O galego é dozura, doce coma o mel; se non o queres perder, segue o teu ronsel. O galego é importante, forte e interesante; non sexas mudo, para que medre o mundo! O galego é a chave, chea de saber; Precisamos a lingua, Se queremos vencer.

viernes, 30 de enero de 2015

Os alumnos do Colmeiro reciben a Ledicia Costas

Con esta presentación as alumnas de 2º de ESO, Soraya Fraga e Alba Lugo, agasallaron a Ledicia Costas;  autora da que o alumnado de 2º leu Unha estrela no vento e coa que compartiron as súas experiencias como lectores e lectoras dunha obra que @s emocionou.


Costas.

miércoles, 23 de abril de 2014

Xosé María Díaz Castro (Letras Galegas 2014)







PENÉLOPE
 Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
       ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Xosé María Díaz Castro, Nimbos

Recursos didácticos
 Outros materiais

O brillo dos elefantes de Fran Alonso

Alonso, Fran 

Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil, e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), »Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011) e «Transición» (libro-CD, 2011). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas

Este venres imos recibir a  Fran Alonso, autor do libro de lectura do 3º trimestre, O brillo dos elefantes. Con el pretendemos visitar Matagalpa e, aínda que non sexa de noite, coñecer o medo.



A noite é veludo
que ás veces espirra de súpeto,
un farrapo quente
de fíos que se desfán
entre a néboa escura.
A noite, que me lembra
un enorme burato de carbón.
A noite
é papel secante,
que todo o chucha para ela.
Á noite, o estraño e o fermoso
dentro da alma.
Á noite é un medo de elefantes brancos
que brillan na escuridade.
Á noite.
Sempre hai alguén que sae
a roubar sentimentos.
A noite, invisible,
coa súa canción de dolor.
A noite,
o animal máis silandeiro
que levo dentro.
                      Fran Alonso