martes, 14 de febrero de 2012

Aline Franzao

Maria Silêncio Poema: Ricardo Carvalho Calero | Música: Aline Frazão

 
Ricardo Carvalho Calero 1910-1990
Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.
Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A tua angúria fala con olladas.

Maria Nocturna: no peirán ¿qué esperas?
¿polo dia non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

Maria Siléncio, sempre dura e muda...
¿Cál é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos
fluen rios de sono.
Pero ti sempre dura e desvelada,
batida polo vento, no peirán...

Maria Siléncio, eu roubaria
no ceu
a estrela de mel,
na água
a estrela de prata,
pra che mercar a fala.

Se queres ulir flores,
darei-che a flor da lua.

Maria do Mar, ¿qué barca agardas?

¿Queres o sol, carne de lua fria?

O sol é un porco-espiño disfarzado.
No mar agora, ourizo de mar, dorme.

Pescado pola cana do abrente,
darei-cho eu, raiolante e mollado.

¡Maria Siléncio, Voz Dormida: fala!

¿A qué afogado esperas,
Maria da Sombriza Espranza?

Maria Siléncio, ¿aagardas a tua voz?
¿As ondas do mar levado roubaron-cha?

De chúvia e vento vestida,
Maria Siléncio, calada...
Voz: Aline Frazão | Guitarra: Aline Frazão | Cavaquinho: Sérgio Tannus | Percussão: César Herranz

martes, 10 de enero de 2012

Tarefa de creación colectiva

          EU TEÑO MEDO

A non espertar nunca
A espertar e non verte ao meu carón
Á inexistencia
Á morte
Á escuridade

A perderme e non volver a atopar o meu camiño
A que me deixes soa
Á soidade

A que os meus amigos se pelexen
A converterme nunha persoa peor da que xa son

Á dor do meu corpo
A chorar de dor

A que se me esgoten os bicos e non  poida bicarte máis.
A verte anoxada.

A vivir sen querer vivir
A tolear de amor.
Alumn@s de 2º ESO A do Castro Alobre



Estes son os medos dos alumnos e alumnas de 2ºESO A do Castro Alobre inspirados no poema de Xabier Docampo, Cando o autor fala de si.

viernes, 23 de diciembre de 2011

Cando petan na porta pola noite

     Xabier Docampo e o seu libro de relatos titulado Cando petan na porta pola noite  é a nosa escolla para o segundo trimestre.
Xabier Docampo é un dos nosos máis prolíficos autores de literatura infantil e xuvenil e un firme reivindicador da tradición popular e oral, cuxos recursos se atopan moi presentes na súa obra. Exerceu ante todo como docente, mais tamén foi guionista para radio e televisión, actor e director de teatro e animador á lectura. Vinculado aos movementos de renovación pedagóxica, ten estudos e conferencias acerca da narración oral e da didáctica da lingua e a literatura.



martes, 20 de diciembre de 2011

Lela e Negra Sombra na TV serbia

Djurdja Pokraja, unha rapaza serbia, cantou en galego no casting do "X Factor" ou "Got Talent" do seu país, "Ja imam talenat" (Eu teño talento), coas cancións "Lela" e "Negra sombra".

Foi na televisión serbia e á moza xa a entrevistaron a semana pasada na Radio Galega grazas ás xestións de Jairo Dorado, que fala e traduce ao galego do serbo-croata, do húngaro e dunha chea de linguas máis, e fixo de intérprete galego-serbio e aproveitou para largar un par de andanadas contra os que desconsideran e desprezan o noso idioma, para que tomen exemplo desta rapaza da Voivódina serbia.

Non sabemos nada da historia lingüística desta moza, pero o caso é que o seu galego non soa nada mal. E se non o credes, escoitádea no vídeo.
Fonte: As Gabarras



Interpretación de Djurdja Pokraja



Fonte: Prolingua