domingo, 6 de mayo de 2012

Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín







          Os alumnos de 2º de ESO, neste terceiro trimestre, tamén podedes ler o libro de Paco Martín, Das cousas de Ramón Lamote, un clásico da literatura galega, galardoado en 1986 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Ramón Lamote Miñato é profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. A súa existencia é apracible, como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Mais a vida tamén está chea de cousas. Das cousas que lle acontecen a Ramón Lamote e da súa particular maneira de entender o mundo trata esta novela.



Editorial: Galaxia Colección: Árbore

Paco MartínNacido en Lugo en 1940, combina o ensino coa actividade literaria en campos como a novela, o relato, a literatura infantil e xuvenil e os escritos didácticos e divulgativos. O seu primeiro libro, Muxicas no espello, apareceu en 1971. Publicou despois as novelas No cadeixo (1976) e E agora cun ceo de lama (1981) e o volume de relatos Dende a muralla (1990), obras todas elas obxecto de excelente acollida pola crítica. Mención a parte merece a súa contribución á literatura infantil e xuvenil, na que se fixo acreedor do Premio Nacional co libro Das cousas de Ramón Lamote e á que aportou libros como Lembranza nova de vellos mesteres (1988). Con Historias para ler á noite (1992) acadou un dos seus maiores éxitos. En maio do ano 2006 publica con Galaxia o libro de contos A bisneta lercha, e en 2008 Das novas cousas de Ramón Lamote.
No 2012 foi o autor homenaxeado na XIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Paco di de si mesmo que...

"O meu nome é Francisco -iso polo menos é o que pon nos meus documentos e nos sobres que me chegan de Organismos Oficiais-, aínda que como realmente me chamo é Paco porque así me dixeron de sempre, como lle dicían a meu pai e agora lle din ó meu fillo. Nacín en Lugo hai xa unha chea de anos e fun un neno de arrabalde. Medrei nun daqueles barrios que non eran nin cidade nin aldea, de casas pequenas con pozo por atrás e unha mínima corte na que manter un porquiño e algúns coellos, galiñas soltas pola rúa sen asfaltar e unha chea de cativos correndo por alí a calquera hora.

Os rapaces andabamos ós niños, baixabamos ó río Miño para nos bañar e xogabamos a unha chea enorme de cousas, ademais de ir á escola. E falabamos moito: contabamos uns ós outros as películas que viramos no cine e tódalas historias, certas ou inventadas, que ós nosos oídos chegaban. Porque tamén escoitabamos interesados o que se nos relataba e así sabiamos da chaira infinita das Pampas arxentinas e mais do duro traballo da zafra cubana por boca daqueles que viviran por aló emigrados e volveran para pasar na súa terra os últimos anos da vida.

Descubrín os libros no Instituto cando comecei o bacharelato -daquela era ós dez ou once anos- e nunca poderei pagar as enormes satisfaccións que deles recibín. Medrei, naturalmente, e fíxenme mestre -traballo no que aínda sigo- e andei a poñer escola por distintos lugares ata asentar no meu Lugo natal. Casei hai bastantes anos con Ánxela -aí si que atinei ben- e temos dous fillos, rapaza e rapaz -cos que Ánxela tamén soubo atinar ben-, e deume, xa hai tempo, por escribir libros, levado, se cadra, pola miña afección á lectura e, supoño, pola gana de seguir contando historias semellantes ás que gustaba de escoitar na miña infancia.

E niso ando, gracias a vós".


Fonte: EDITORIAL GALAXIA, 2006

jueves, 19 de abril de 2012

A expedición do pacífico

Marilar Aleixandre: A expedición do Pacífico
Ilustracións de Fran Jaraba
Col. Merlín. Eds. Xerais. Vigo, 1994
Premio "Merlín" 1994
Premio da Crítica 1995

A expedición do Pacífico
Nos tempos axitados da Gloriosa, a revolución de setembro de 1868, Emilia Goianes, unha rapaza de Fisterra de 12 anos, cóase de polisón na goleta Resolución que vai ás selvas americanas con outras dúas para a Expedición Científica do Pacífico. Afeccionada á Zooloxía, agáchase no camarote do seu irmán Andrés, de 22 anos, zoólogo, que a descobre e acepta que vaia, pese a ser muller... Córtalle o pelo e preséntaa como o seu irmán. Aínda que, contando a mariñeiros e outros pasaxeiros que tiñan como misión estreitar as relacións de España con Latinoamérica, ían máis de douscentos nos tres barcos, a expedición compoñíase de oito notables científicos naturalistas. Ademais dun debuxante e fotógrafo en placas de vidro.
A viaxe polo continente resulta rica en descubertas científicas pero tamén moi perigosa. Descobren exemplares interesantes no arquipélago de Cabo Verde, onde un alacrán picou ao médico; a piques está de caer ela ao mar cando sobrevén un temporal, salvándoa o botánico cordobés e cronista da expedición Diego Vargas. Na selva amazónica quedan impresionados con tantos animais curiosos, e mesmo ven unha ringleira quilométrica de formigas da marabunta. Baixando cara ao sur ven baleas e non conseguen cruzar polo estreito de Magalhaes ao Pacífico, polo que pasan polo Cabo de Fornos, onde un mariñeiro andaluz delira cos desaparecidos, obsesionado pola lendaria desaparición do San Telmo. Botan tres meses en Chile, pasando logo a Perú ao cráter do volcán Pichincha, onde os atrapa a neve durante dous días, ata que baixan rescatalos. En Guatemala morre de ictericia o catalán Ros. En Panamá comunícanlles que, pola tensión diplomática entre España e Latinoamérica, non poden seguir no barco, polo que van polo Amazonas, onde ela lle fai fronte a unha serpe velenosa, e sofren todas as penurias, tendo mesmo que empeñar os reloxos para poder continuar. Ata que chegan a Belem. Na casa do vicécónsul Silva, que os acolle, descobre o seu misterio Emilia, pois a filla, Arurora, bícaa no xardín, polo que lle confesa que é muller. Por suxestión dela, véstese como tal para o baile da noite en homenaxe á expedición. Nel, bícaa Diego, que xa sospeitaba que non podía ser un rapaz desde que, ao salvala na treboada, descubriu o pano coas súas iniciais e un anaco de pelo, que lle caeran.
Así, co cambio persoal que supón a súa primeira regra, a relación con Diego, e as intensas experiencias, mesmo anecdóticas -como o pingüín que ela alimenta dándolle peixes ou a visión do mapinguari, o suposto metade preguiceiro metade gorila que andaban buscando, e nunca se atopou-, en decembro de 1871 están de volta. Fan logo unha exposición en Madrid cos materiais da expedición. Que contou a voz narradora de Emilia, segundo lle pediu Aurora, introducindo ademais reflexións sobre o contexto histórico, o darwinismo e o feminismo.
Nun Epílogo, a autora comenta que a Expedición do Pacífico existiu en realidade, aínda que cambiou datas e nomes, e introduciu o personaxe de Emilia.

Fonte:  Blix

martes, 13 de marzo de 2012

Usha de María Reimóndez

"O meu nome é Uxía. My name is Ushia. Nam heseru Ushiya...”


Este é un dos libros que podemos ler de forma voluntaria e que pode achegarnos a outras culturas, a outros países, á solidariedade...e á loita das mulleres pola igualdade.

ARGUMENTO
Unha nena, Uxía, vainos contando o decorrer da súa vida na India ao decidir permanecer
alí durante un tempo, despois de pasar as vacacións nas que acompañou á súa nai, unha médica que realiza labores de cooperación nunha ONG.
Usha, como tamén se chama, comparte con nós a experiencia do encontro coas novas palabras e un mundo totalmente diferente. Lonxe de Galicia e da familia, a rapaza atopará o apoio dunha veciña e amiga, Lakshmi, en quen descobre a madurez necesaria para sobrevivir.A pequena irá descubrindo as inxustizas, a maneira en que a nai se enfronta a elas e os perigos que corren como consecuencia deses actos. Pero os problemas non se producen só nos países exóticos ou do terceiro mundo; de repente, un barco solta a súa carga de chapapote nas costas galegas e a dor chega ata elas…
Esta novela resultou finalista do Premio Merlín 2005.
Xerais




María Reimóndez recolle o premio Dora Vázquez 2012 no Centro tecnolóxico de Arteixo e le o artigo polo que foi premiada, «Desobediencia»:

miércoles, 7 de marzo de 2012

8 de marzo, día da muller

A data do 8 de marzo foi instituída para reivindicar os dereitos das mulleres Desde o punto de vista educativo, o 8 de marzo debe ser tamén unha data para reflexionarmos sobre a coeducación, sobre as estratexias para coeducar nas aulas, sobre os avances ou non na visibilización das mulleres, das nenas, na sociedade actual e o papel do ensino nese proceso.
Entrevista Teresa Moure from cig-ensino on Vimeo. Recursos de steg

jueves, 1 de marzo de 2012

A nova imaxe de Rosalía

Un achádego de Ramón Torrado*, autor deste texto
 " Rosalía de Castro é para min a mellor muller poeta da literatura mundial. Que pode facer Emily Dickinson contra un poema como “A xustiza pola man”? Quen ten entre as súas creacións dúas obras mestras absolutas como Follas novas ou En las orillas del Sar?( ...)Penso que debemos sentir por ela o que ela sentía pola nosa terra galega, os sentimentos que deixa entrever esta fotografía: nobreza, valía, orgullo e amor."

martes, 14 de febrero de 2012

Aline Franzao

Maria Silêncio Poema: Ricardo Carvalho Calero | Música: Aline Frazão

 
Ricardo Carvalho Calero 1910-1990
Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.
Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A tua angúria fala con olladas.

Maria Nocturna: no peirán ¿qué esperas?
¿polo dia non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

Maria Siléncio, sempre dura e muda...
¿Cál é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos
fluen rios de sono.
Pero ti sempre dura e desvelada,
batida polo vento, no peirán...

Maria Siléncio, eu roubaria
no ceu
a estrela de mel,
na água
a estrela de prata,
pra che mercar a fala.

Se queres ulir flores,
darei-che a flor da lua.

Maria do Mar, ¿qué barca agardas?

¿Queres o sol, carne de lua fria?

O sol é un porco-espiño disfarzado.
No mar agora, ourizo de mar, dorme.

Pescado pola cana do abrente,
darei-cho eu, raiolante e mollado.

¡Maria Siléncio, Voz Dormida: fala!

¿A qué afogado esperas,
Maria da Sombriza Espranza?

Maria Siléncio, ¿aagardas a tua voz?
¿As ondas do mar levado roubaron-cha?

De chúvia e vento vestida,
Maria Siléncio, calada...
Voz: Aline Frazão | Guitarra: Aline Frazão | Cavaquinho: Sérgio Tannus | Percussão: César Herranz

martes, 10 de enero de 2012

Tarefa de creación colectiva

          EU TEÑO MEDO

A non espertar nunca
A espertar e non verte ao meu carón
Á inexistencia
Á morte
Á escuridade

A perderme e non volver a atopar o meu camiño
A que me deixes soa
Á soidade

A que os meus amigos se pelexen
A converterme nunha persoa peor da que xa son

Á dor do meu corpo
A chorar de dor

A que se me esgoten os bicos e non  poida bicarte máis.
A verte anoxada.

A vivir sen querer vivir
A tolear de amor.
Alumn@s de 2º ESO A do Castro Alobre



Estes son os medos dos alumnos e alumnas de 2ºESO A do Castro Alobre inspirados no poema de Xabier Docampo, Cando o autor fala de si.