jueves, 19 de abril de 2012

A expedición do pacífico

Marilar Aleixandre: A expedición do Pacífico
Ilustracións de Fran Jaraba
Col. Merlín. Eds. Xerais. Vigo, 1994
Premio "Merlín" 1994
Premio da Crítica 1995

A expedición do Pacífico
Nos tempos axitados da Gloriosa, a revolución de setembro de 1868, Emilia Goianes, unha rapaza de Fisterra de 12 anos, cóase de polisón na goleta Resolución que vai ás selvas americanas con outras dúas para a Expedición Científica do Pacífico. Afeccionada á Zooloxía, agáchase no camarote do seu irmán Andrés, de 22 anos, zoólogo, que a descobre e acepta que vaia, pese a ser muller... Córtalle o pelo e preséntaa como o seu irmán. Aínda que, contando a mariñeiros e outros pasaxeiros que tiñan como misión estreitar as relacións de España con Latinoamérica, ían máis de douscentos nos tres barcos, a expedición compoñíase de oito notables científicos naturalistas. Ademais dun debuxante e fotógrafo en placas de vidro.
A viaxe polo continente resulta rica en descubertas científicas pero tamén moi perigosa. Descobren exemplares interesantes no arquipélago de Cabo Verde, onde un alacrán picou ao médico; a piques está de caer ela ao mar cando sobrevén un temporal, salvándoa o botánico cordobés e cronista da expedición Diego Vargas. Na selva amazónica quedan impresionados con tantos animais curiosos, e mesmo ven unha ringleira quilométrica de formigas da marabunta. Baixando cara ao sur ven baleas e non conseguen cruzar polo estreito de Magalhaes ao Pacífico, polo que pasan polo Cabo de Fornos, onde un mariñeiro andaluz delira cos desaparecidos, obsesionado pola lendaria desaparición do San Telmo. Botan tres meses en Chile, pasando logo a Perú ao cráter do volcán Pichincha, onde os atrapa a neve durante dous días, ata que baixan rescatalos. En Guatemala morre de ictericia o catalán Ros. En Panamá comunícanlles que, pola tensión diplomática entre España e Latinoamérica, non poden seguir no barco, polo que van polo Amazonas, onde ela lle fai fronte a unha serpe velenosa, e sofren todas as penurias, tendo mesmo que empeñar os reloxos para poder continuar. Ata que chegan a Belem. Na casa do vicécónsul Silva, que os acolle, descobre o seu misterio Emilia, pois a filla, Arurora, bícaa no xardín, polo que lle confesa que é muller. Por suxestión dela, véstese como tal para o baile da noite en homenaxe á expedición. Nel, bícaa Diego, que xa sospeitaba que non podía ser un rapaz desde que, ao salvala na treboada, descubriu o pano coas súas iniciais e un anaco de pelo, que lle caeran.
Así, co cambio persoal que supón a súa primeira regra, a relación con Diego, e as intensas experiencias, mesmo anecdóticas -como o pingüín que ela alimenta dándolle peixes ou a visión do mapinguari, o suposto metade preguiceiro metade gorila que andaban buscando, e nunca se atopou-, en decembro de 1871 están de volta. Fan logo unha exposición en Madrid cos materiais da expedición. Que contou a voz narradora de Emilia, segundo lle pediu Aurora, introducindo ademais reflexións sobre o contexto histórico, o darwinismo e o feminismo.
Nun Epílogo, a autora comenta que a Expedición do Pacífico existiu en realidade, aínda que cambiou datas e nomes, e introduciu o personaxe de Emilia.

Fonte:  Blix