miércoles, 23 de abril de 2014

Xosé María Díaz Castro (Letras Galegas 2014)







PENÉLOPE
 Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
       ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Xosé María Díaz Castro, Nimbos

Recursos didácticos
 Outros materiais

O brillo dos elefantes de Fran Alonso

Alonso, Fran 

Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil, e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), »Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011) e «Transición» (libro-CD, 2011). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas

Este venres imos recibir a  Fran Alonso, autor do libro de lectura do 3º trimestre, O brillo dos elefantes. Con el pretendemos visitar Matagalpa e, aínda que non sexa de noite, coñecer o medo.



A noite é veludo
que ás veces espirra de súpeto,
un farrapo quente
de fíos que se desfán
entre a néboa escura.
A noite, que me lembra
un enorme burato de carbón.
A noite
é papel secante,
que todo o chucha para ela.
Á noite, o estraño e o fermoso
dentro da alma.
Á noite é un medo de elefantes brancos
que brillan na escuridade.
Á noite.
Sempre hai alguén que sae
a roubar sentimentos.
A noite, invisible,
coa súa canción de dolor.
A noite,
o animal máis silandeiro
que levo dentro.
                      Fran Alonso