domingo, 6 de mayo de 2012

Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín







          Os alumnos de 2º de ESO, neste terceiro trimestre, tamén podedes ler o libro de Paco Martín, Das cousas de Ramón Lamote, un clásico da literatura galega, galardoado en 1986 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Ramón Lamote Miñato é profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. A súa existencia é apracible, como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Mais a vida tamén está chea de cousas. Das cousas que lle acontecen a Ramón Lamote e da súa particular maneira de entender o mundo trata esta novela.



Editorial: Galaxia Colección: Árbore

Paco MartínNacido en Lugo en 1940, combina o ensino coa actividade literaria en campos como a novela, o relato, a literatura infantil e xuvenil e os escritos didácticos e divulgativos. O seu primeiro libro, Muxicas no espello, apareceu en 1971. Publicou despois as novelas No cadeixo (1976) e E agora cun ceo de lama (1981) e o volume de relatos Dende a muralla (1990), obras todas elas obxecto de excelente acollida pola crítica. Mención a parte merece a súa contribución á literatura infantil e xuvenil, na que se fixo acreedor do Premio Nacional co libro Das cousas de Ramón Lamote e á que aportou libros como Lembranza nova de vellos mesteres (1988). Con Historias para ler á noite (1992) acadou un dos seus maiores éxitos. En maio do ano 2006 publica con Galaxia o libro de contos A bisneta lercha, e en 2008 Das novas cousas de Ramón Lamote.
No 2012 foi o autor homenaxeado na XIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Paco di de si mesmo que...

"O meu nome é Francisco -iso polo menos é o que pon nos meus documentos e nos sobres que me chegan de Organismos Oficiais-, aínda que como realmente me chamo é Paco porque así me dixeron de sempre, como lle dicían a meu pai e agora lle din ó meu fillo. Nacín en Lugo hai xa unha chea de anos e fun un neno de arrabalde. Medrei nun daqueles barrios que non eran nin cidade nin aldea, de casas pequenas con pozo por atrás e unha mínima corte na que manter un porquiño e algúns coellos, galiñas soltas pola rúa sen asfaltar e unha chea de cativos correndo por alí a calquera hora.

Os rapaces andabamos ós niños, baixabamos ó río Miño para nos bañar e xogabamos a unha chea enorme de cousas, ademais de ir á escola. E falabamos moito: contabamos uns ós outros as películas que viramos no cine e tódalas historias, certas ou inventadas, que ós nosos oídos chegaban. Porque tamén escoitabamos interesados o que se nos relataba e así sabiamos da chaira infinita das Pampas arxentinas e mais do duro traballo da zafra cubana por boca daqueles que viviran por aló emigrados e volveran para pasar na súa terra os últimos anos da vida.

Descubrín os libros no Instituto cando comecei o bacharelato -daquela era ós dez ou once anos- e nunca poderei pagar as enormes satisfaccións que deles recibín. Medrei, naturalmente, e fíxenme mestre -traballo no que aínda sigo- e andei a poñer escola por distintos lugares ata asentar no meu Lugo natal. Casei hai bastantes anos con Ánxela -aí si que atinei ben- e temos dous fillos, rapaza e rapaz -cos que Ánxela tamén soubo atinar ben-, e deume, xa hai tempo, por escribir libros, levado, se cadra, pola miña afección á lectura e, supoño, pola gana de seguir contando historias semellantes ás que gustaba de escoitar na miña infancia.

E niso ando, gracias a vós".


Fonte: EDITORIAL GALAXIA, 2006